Wednesday 15 de May de 2024

Feijóo avoga por manter a internacionalización como obxectivo prioritario para consolidar a recuperación económica


Salienta que en 2013 as exportacións representaban xa un 33%; “e o noso obxectivo é que no 2020 o 40% do noso produto interior bruto se deba ao comercio exterior”, afirma

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por manter a internacionalización das empresas galegas como obxectivo prioritario “para consolidar a economía galega máis aló da finalización do período da recesión económica”.

Durante a apertura das xornadas Experiencia no mercado exterior. Financiamento empresarial, salientou que ante a crise económica os emprendedores galegos optaron por compensar a contracción da caída do consumo en España abrindo o mercado cara ao exterior. “Tomaron a opción máis ambiciosa. Non tiveron medo a converterse nunha peza máis do panorama económico mundial; non tiveron complexos en intentar ofrecer os seus produtos nun mercado global”, dixo, logo de salientar que desde o ano 2009, as exportacións galegas creceron máis dun 30%.

Nesta liña, precisou que no ano 2009, as exportacións supuñan un 25% do PIB da Comunidade. “En 2013 representaban xa un 33% e o noso obxectivo é que no 2020 o 40% do noso produto interior bruto se deba ao comercio exterior”, engadiu.

Así mesmo, Feijóo lembrou que no ano 2013 Galicia bateu a súa mellor marca histórica de exportacións e no 2014 mantívose a tendencia, acadando a segunda mellor marca desde que existen rexistros e situándose a Comunidade como a cuarta autonomía con mellor saldo comercial. “Exportamos moito máis do que importamos, situando a nosa taxa de cobertura no 123%, fronte ao 90% da media española”, aseverou.

Ao longo da súa intervención, o responsable autonómico garantiu o compromiso da Xunta para acompañar o esforzo dos emprendedores galegos e salientou o importante papel que no eido da internacionalización xogan: as empresas, para facer produtos competitivos; as administracións, considerando a internacionalización como unha estratexia permanente; e as entidades bancarias, “que teñen que achegar o crédito imprescindible para que os proxectos se convertan en realidade”.

Como proba dese compromiso, Feijóo referiuse á Estratexia de internacionalización da empresa galega 2020, que viu a luz hai menos dun mes e que marca tres retos principais cara a 2020: incrementar o peso das exportacións sobre o PIB galego, do 33% actual ao 40%; aumentar un 25% o investimento estranxeiro en Galicia; e conseguir que se convertan en exportadoras un 25% de empresas máis, ata acadar as 8.000.

Así mesmo, esta iniciativa conta con cinco eixos de actuación: fomentar a cultura da internacionalización, apostando pola formación, os idiomas e polo marketing; axudar ás pequenas e medianas empresas a desembarcar nos mercados; atraer novos investimentos de fóra, mediante a colaboración co financiamento e intensificando a relación con entidades como o ICO; consolidar unha imaxe de Galicia no exterior, impulsando a marca Galicia Calidade; e establecer representacións comerciais por obxectivos en determinados países.

Sobre este último aspecto, Feijóo salientou que a apertura da representación comercial de Galicia en Perú foi un dos logros acadados na última viaxe a América Latina. “Visitamos México, Perú e Colombia, tres dos catro países que conforman a Alianza do Pacífico”, dixo, logo de precisar que en México Galicia asinou un acordo que abrirá camiños ás empresas galegas en áreas como a eficiencia enerxética, a construción de vivendas e o saneamento.

“En Perú establecemos un acordo no sector da pesca e da acuicultura, en asuntos de formación, de venta de barcos de pesca e de aparellos; e, en Colombia avaliamos en reunións con ministros e co presidente do país as oportunidades en sectores como as tecnoloxías no eido sanitario e da educación e en sectores como a automoción, o naval, a construción e o saneamento e abastecemento de augas”, lembrou.